O Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Universidade de Vigo é un dos máis activos da universidade tanto en docencia como en investigación. Tanto a valoración da actividade docente do departamento (avaliada cada ano pola universidade) como a produción científica dos grupos de investigación que integran o departamento, son das máis altas da Universidade de Vigo.

Isto queda patente polo feito de que, dos sete grupos de investigación involucrados no Programa de Doutoramento, dous deles teñen a catalogación de Grupo de Referencia segundo os criterios establecidos pola Xunta de Galicia e outros dous segundo os criterios establecidos pola Universidade de Vigo.

No programa tamén participa persoal da área de Fisioloxía Vexetal da Universidade de Vigo e do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI). Ademais, o programa ten adquirido aínda unha maior dimensión incorporando persoal de tres novas áreas de coñecemento: Fisioloxía Animal, Parasitoloxía e Microbioloxía.