1. Con carácter xeral, para o acceso a un programa oficial de doutoramento será necesario estar en posesión dos títulos oficiais españois de grao, ou equivalente, e de máster universitario, ou equivalente, sempre que se superaron, polo menos, 300 créditos ECTS no conxunto destes dous ensinos.

2. Así mesmo, poderá acceder quen se atope nalgún dos seguintes supostos:

  • Estar en posesión dun título universitario oficial español, ou doutro país integrante do Espazo Europeo de Educación Superior, que habilite para o acceso a máster de acordo co establecido no artigo 16 do Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e superar un mínimo de 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos que, polo menos 60, terán que ser de nivel de máster.
  • Estar en posesión dun título oficial español de graduado ou graduada, cuxa duración, conforme a normas de dereito comunitario, sexa de polo menos 300 créditos ECTS. Devanditos titulados deberán cursar con carácter obrigatorio os complementos de formación requiridos polo programa, salvo que o plan de estudos do correspondente título de grao inclúa créditos de formación en investigación, equivalentes en valor formativo aos créditos en investigación procedentes de estudos de máster.
  • Os titulados universitarios que, previa obtención de praza en formación na correspondente proba de acceso a prazas de formación sanitaria especializada, superasen con avaliación positiva polo menos dous anos de formación dun programa para a obtención do título oficial dalgunha das especialidades en Ciencias da Saúde.
  • Estar en posesión dun título obtido conforme a sistemas educativos estranxeiros, sen necesidade da súa homologación, previa comprobación pola universidade de que este acredita un nivel de formación equivalente ao do título oficial español de Máster Universitario e que faculta no país expedidor do título para o acceso a estudos de doutoramento. Esta admisión non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo do que estea en posesión o interesado nin o seu recoñecemento a outros efectos que o do acceso a ensinos de Doutoramento.
  • Estar en posesión doutro título español de Doutor obtido conforme a anteriores ordenacións universitarias.
  • Estar en posesión dun título universitario oficial que obtivese a correspondencia ao nivel 3 do MECES, de acordo co procedemento establecido no RD 967/2014 do 21 de novembro, polo que se establecen os requisitos e procedementos para a homologación e declaración de equivalencia a titulación e a nivel académico universitario oficial e para a convalidación de estudos estranxeiros de Educación Superior, e o procedemento para determinar a correspondencia aos niveis do MECES dos títulos oficiais de Arquitecto/a, Enxeñeiro/a, Licenciado/a, Arquitecto/a Técnico/a, Enxeñeiro/a Técnico/a e Diplomado/a.

3. Os/as doutorandos/as que iniciasen o seu programa de doutoramento conforme a anteriores ordenacións universitarias poderán acceder aos estudos de doutoramento regulados polo RD 99/2011, previa admisión de acordo ao establecido no Regulamento de estudos de doutoramento da Universidade de Vigo. En todo caso deberán reunir os requisitos establecidos con carácter xeral para o acceso a estudos de doutoramento regulados polo RD 99/2011.

4. Poderán acceder a estudos de doutoramento os Licenciados, Arquitectos ou Enxeñeiros que estean en posesión do Diploma de Estudos Avanzados obtido de acordo ao disposto no Real Decreto 778/1998, do 30 de abril, ou alcanzasen a suficiencia investigadora regulada no Real Decreto 185/1985, do 23 de xaneiro.

5. Poderán acceder aos estudos de doutoramento os Licenciados, Arquitectos ou Enxeñeiros que estean en posesión dun título de máster oficial conforme ao Real Decreto 56/2005 ou ao Real Decreto 1393/2007, modificado polo Real Decreto 861/2010, ou superasen 60 ECTS de estudos de máster oficial.

6. Tamén poderán acceder aos estudos de doutoramento os Diplomados, Enxeñeiros Técnicos ou Arquitectos técnicos que acrediten superar 300 créditos ECTS no conxunto de estudos universitarios oficiais, dos que polo menos 60 sexan de nivel de máster universitario.